Archive for Outubro, 2006
« Previous Entries Next Entries »Máis vale de nova aprender…
Sábado, Outubro 21st, 2006
E agora que caio, atopei o paradoxo do post anterior porque procuraba o conto do burro que morre cando o dono case o afixera por completo a vivir sen comer; e isto último viña a conto porque hoxe estou especialmente cansa porque cada vez durmo menos, e non por falta de ganas senón por ganas maiores de facer outras cousas. Este cansazo levoume antes de cear a sentar un momento na cociña coa cabeza entre as mans, e de alí a un momento entrou a pelacha:
-Poqué dumida tú?
-Estou desperta, pelacha.
-Poqué tu despeta?
-Porque non estou durmida.
-Poqué tú ollos cedados?
-Porque estou malladiña, filla.
E saiu da cociña. Acababa de dicirlle había uns minutos que non andase co afialapis do pelacho mais, aproveitando o meu reseteo e os ollos pechados, entrou de novo coa intención de afiar un lapis no cubo do lixo como lle acababa de ver facer ao irmán. Entón abrín os ollos con expresión de represora indulxente mais antes de que pensase o que ía dicir tapoume a boca co seu ton condescendente ao que comezaba a afiar:
-Decansa, mamá, decansa!
chuzame - Paradoxo
Sábado, Outubro 21st, 2006Este paradoxo está traducido sen retoques:
Canto máis queixo de gruyére hai, hai máis buracos. E cantos máis buracos hai, hai menos queixo de gruyére. Logo, canto máis queixo de gruyére hai, hai menos queixo de gruyére.
chuzame - Amor non te idade… ou si?
Mércores, Outubro 18th, 2006O papá foi á xuntanza de pais coa profe do pelacho ás catro e media. Eu fiquei fóra cos pelachos a enredarmos polas pistas do colexio até as cinco e cuarto, hora en que o pelacho entraba na clase de patinaxe. Logo de deixalo o plan era ir ao súper coa pelacha mais cando llo propuxen pediume que ficásemos fóra a xogar e non souben negarme. Levaba catro días pechada na casa pola segunda bronquiolite da tempada e a tarde era tan bonita...
Pouco antes de acabar a clase de patinaxe apareceu o papá e en cuestión de minutos marchamos todos para casa.
-A profe segue contenta con como estás a traballar. Hai que continuar así.
-Ajá.
-Tes unha compañeira que se chama Rebeca?
-Si.
-Súa nai díxome que xa tiña ganas de coñecerte, que Rebeca non fala máis que de ti...
-Es que me persigue siempre... y yo me escapo.
O papá e mais eu cruzamos sorrisos. E xa na casa...
-Tamén me dixo a profe que estabas sen lapis.
-Es que vi uno que era de la clase muy chulo y lo cambié por el mío pero resultó que era una pintura negra y no valía y ya no encontré el mío. Y tampoco tenía goma.
-Pois tes que avisarnos desas cousas. Se o tiveses dito xa terías levado lapis e goma de novo.
-Es que goma ya tengo porque como no tenía me dijo Rebeca que me traía una y me la trajo al día siguiente.
-Ah, entón Rebeca ademais de perseguirte é unha boa amiga! Pero lembra que desas cousas tesnos que avisar a nós.
-Vale.
E logo na cea e entre outras cousas...
-Entón, por que te persegue Rebeca?
-Es que es una pesada pero yo me chivo de que me persigue.
-Seguro que non che fan caso.
-No me hacen caso, no.
-Non me estraña. E non será porque lle gustas?
-Sí. Pero a mí ella no.
-Por que?
-Por-que-no-te-ne-mos-e-dad.
-Idade para que?
-¡Para querernos!
-----------------
Desde mañá o pelacho xa non traerá informe diario de boa ou mala conduta, só se hai algunha incidencia que debamos saber recibiremos notificación. A profe constatou que a mudanza de atitude foi radical e que espera que siga así. O pelacho xa recuperou todas as súas prebendas agás a Gameboy e a paga, que fican pendentes até a fin de semana.
chuzame - A pelacha tamén pregunta
Domingo, Outubro 15th, 2006
Ruca é a nosa cadela, a canucha, como a chamamos nós. Recollémola no canil hai sete anos cando debía ter xa tres ou catro. Tiña o pelo raro e queimado e medo a todo, especialmente ás vasoiras. Pesaba dous quilos e medio, xusto a metade do que pesa agora, e tiña unha tose de canil que daquela non se sabía se lle marcharía ou non. Cada vez que prendiamos un cigarro tiñamos cargo de conciencia.
Cando chegamos a casa co pelacho, que nacera 36 horas antes, lambeulle as fazulas en canto llo puxemos diante e aínda con toda a fame que pasara nunca se resistía a marchar de debaixo do berce nin cando estabamos a comer as cousas de que máis gustaban, que eran todas. Coa pelacha a historia repetiuse.
Sempre lles fixemos ver que, se ben non subía ás camas nin comía á mesa, a Ruca era unha máis na casa, de quen non se podía abusar por ser pequena e cadela, e que se a amolaban de máis como para lles dar algunha trabadiña, non lle haberiamos de berrar por facelo.
É curioso o ben que os cans calculan a idade da xente. Até hai pouco a canucha trataba os dous pelachos como se fosen cachorros: protexíaos da xente que lle suscitaba desconfianza, aceptaba os seus cariños mais nunca deixaba que a collesen no colo e levantáballes calquera anaco de comida das mans en canto se despistaban. Desde hai pouco tempo ten o pelacho noutr aconsideración. Agora acode cando chama por ela e déixao que a levante no colo cando cruzamos a rúa. O pelacho, que a ignorou bastante nos seus primeiros anos de vida, ten unha relación moi estreita agora con ela, fálalle con frecuencia para explicarlle cousas e sobre todo para dicirlle o moito que a quere.
Á pelacha sempre lle interesou máis a Ruca e aínda está convencida de que forma parte da familia exactamente do mesmo modo que seu irmán, os primos ou os avós. Por iso nunca se esquece dela cando repasa os nomes de todos os membros do clan; e por iso tamén hai cousas que non lle acaban de cadrar. Hoxe, moi devagar, como fai para construír frases cada vez máis longas, preguntoume:
-Poqué... Duca... no teñe mans... ... pada toller tousas?
chuzame - Suma e segue…
Venres, Outubro 13th, 2006-Hoy Pelacho habló un poco... pero trabajó bien.
chuzame - « Previous Entries Next Entries »







