« Un inocente xogo | Home | In media res »
O abrazo de Juan Perro
By Tati Mancebo | Outubro 4, 2007
Xa non lembro se o referín aquí no seu momento, nin o penso comprobar agora, mais no verán fomos os catro a Madrid con varios obxectivos: para que os pelachos soubesen o que é voar, para ver uns amigos e mais para asistirmos a un concerto de Santiago Auserón coa Orquestra de Jazz do Taller de Músics de Barcelona. Ao auserón únenos unha gran admiración pola súa música desde tempos remotos e, desde hai cousa dun ano, a vontade común para tirar dun proxecto que semella ir tomando boa traza. Por iso estivemos os catro con el dando conta dunhas cervexas despois do concerto (non me resisto a deixar de contar o traballo que nos deu convencer á xente da seguranza do festival de Jazz en que participaba de que se lle daban a nosa tarxeta habería de querer vernos. Canta maior veracidade pretendiamos dar a unha información de por si certa, máis falsa parecía á nosa interlocutora, dados oso ollos con que nos miraba. E todo por non termos combinado debidamente. Cando se apiadou de nós e fixo a comprobación veunos chamar e por fin poidemos reunirnos co Santiago). Ao velo presentámosllo aos pelachos como Juan Perro e a pelacha, ao escoitar o de Perro preguntounos: -¿Y lo puedo tocar? como fai sempre, porque sabe que hai cans que traban cando os tocas.
O caso é que onte á mañá falamos por teléfono con el por cuestións organizativas e ao despedirse mandou un abrazo para os pelachos. Cando máis tarde contei aos pelachos que falara con Juan Perro e que mandara un abrazo para eles a pelacha dixo que xa non lembraba telo visto nunca e o pelacho, que gosta moito das súas cancións, mostrouse gratamente sorprendido e e non dixo máis…
… até a noite. Porque, cando lle fun apagar a luz e darlle uns aloumiños solicitoume:
-Mamá, ¿por qué no me das ahora el abrazo de Juan Perro?
Eu apreteino demoradamente contra min, cun sorriso deses que só os fillos son quen de descubrirnos.
-¡Mmmmm!, dixo el. ¡Qué laaaaargo!
Por certo, o 20 de outubro actúa no Auditorio de Compostela. Nós esperamos poder escoitar por segunda vez unha selección do melloriño das cancións de Radio Futura e Juan Perro, arranxadas e dirixidas polo Mestre Enric Palomar: No más lágrimas, La negra flor, El tonto Simón, Semilla negra, Obstinado en mi error, A cara o cruz e moitas máis.
Topics: pelacha, pelacho | 5 Comments »
Outubro 4th, 2007 at 11:06 a.m.
Que envexa. Sempre me gustou Radio Futura e a voz de Santiago Auserón.
Outubro 9th, 2007 at 10:05 p.m.
Creo que me gusta Santiago Auserón desde que nacín. Crecín con Radio Futura, e aínda que a eles como grupo só os cheguei a ver con 15 anos, non perdo un de Juan Perro cando pasa pola terra. En casa os cd’s campan ás súas anchas por calquera lado da casa, e no mp3 nunca deixa de levar unha mancheíña delas…
Por suposto xa teño collidas as dúas entradas para velo o vindeiro día 20 de outubro, neste interesante proxecto…Penso que é un dos músicos máis interesantes no panorama da música española na actualidade, sempre innovando, mantendo o seu son e a súa voz inconfundible, pero sempre diferente…
Que sorte teñen os vosos Pelachos de coñecelo, e vós de tratar con el…Teño a sensación de que ademais de bo músico e un bo tipo!!!
Outubro 11th, 2007 at 9:26 a.m.
Alí nos veremos
Outubro 19th, 2007 at 12:46 p.m.
Eu en primeira fila, centro centro, que me toque Annabel Lee, Te convierto en canción, El mundo no tiene corazón, que non permita que fagan mofa da Bruxa Avería!! «Siempre seré un niño si me tratas co cariño», e así poder lembrar algúns «Sueños en televisión», co Perro, Santiago, o sombreiro o todos os músicos a ritmo de jazzzzzzzzzzzzzzzzzzz
(Dance usted, e o Auditorio a tremarrr…………..)
completo
biquiños
Y
Outubro 19th, 2007 at 3:31 p.m.
Alí nos vemos! Nós tamén temos fila 1 e no centro