Archive for Novembro, 2007
« Previous Entries Next Entries »Sen palabras
Martes, Novembro 20th, 2007
Imaxinamos que foi polo "ataque psíquico" dos Pokemon que o pelacho asaltou o tranquilo camiñar da pelacha polo corredor da casa ao grito de:
-¡¡¡Arriba las manos o te vuelvo loca!!!
chuzame - Incerteza fundacional
Luns, Novembro 19th, 2007O papá saía coa pelacha da ducha a contarlle por enésima vez o conto de Lawrence de Arabia e ao chegar á parte en que, sen auga, no deserto di:
-“Meu Deus!"
xa completa a pelacha:
-"axúdame, que morro!”
Pero hoxe a pelacha dixo algo máis:
-Si, pero quen é Deus?
Entón o pelacho respondeu desde o seu cuarto:
-DEUS ES EL QUE CREÓ EL MUNDO... SE RUMOREA, EH!
chuzame - Do casamento do tío M. ao casamento dos papás pelachos: o antitópico
Domingo, Novembro 18th, 2007Hai algo máis dun ano comezaba a falar do casamento do tío M. pensando en contar como fora o noso, mais algo me reclamou antes de rematar o post e anunciei que continuaría o que ficaba a medias. A semana pasada o Eduardo lembroumo e, como me coñezo, prometín e prometinme que sería o próximo que escribiría.
Non lembramos o día que casamos porque a data que levamos case vinte anos celebrando é outra mais si sabemos que foi a mediados de setembro de 1999.
Saímos da nosa casa pola mañá, cada un para a dos seus pais. Eu contaba con que o avó J. levase o carro pero escusouse dicindo que o levara meu irmán ao exame que tiña ese día e que andaba unha miga nervioso polo evento así que, se había alguén máis que se ofrecese, el gostosamente declinaba. Entón asaltei a tía T., que repetiu o argumento do noso pai. Aló fomos no noso Felicia, que non levara nin unha mala ducha porque en principio non estaba convidado á festa. Aínda ben que eu non ía disfrazada de princesa tarta de nata porque me tería sido un chisco máis difícil estacionar e camiñar desde onde atopamos sitio até o xulgado.
Por suposto chegamos antes que o noivo, que aparecería un cuarto de hora máis tarde nun AlfaRomeo coma un barco e con chofer, claro está. A cerimonia, que solicitaramos sen promesas, durou tan pouco que tivemos que poñer os aneis saíndo pola porta porque esquecemos facelo antes. Ademais meu pai esqueceu levar o DNI e tivemos que botar man da tía T. para que oficiase de testemuña.
Despois marchamos todos para o restaurante. Había tres fotógrafos profesionais convidados á festa e dous deles ían encargarse das fotografías. O J. tirou un puñado de fotos até que se decatou de que a cámara estaba sen carrete pero o mellor aínda veu despois. Decidimos que pasariamos con O., outra fotógrafa amiga, para o comedor e que fariamos ir entrando toda a xente aos poucos, para irmos tirando un par de fotos con cada grupo. Isto levounos aproximadamente unha hora... perdida, porque o flash estaba avariado e absolutamente todas as fotos saíron mal. Con todo, aínda se supuña que as tiñamos mais o día que O. as baixou para entregárnolas, extraviáronse misteriosamente, así que non hai máis que unhas pouquiñas que nos fixo o tío M. cunha cámara cativa. As nosas nais nunca nolo perdoarán.
Tamén para desgusto das nosas nais só puxemos tres pratos no banquete -isto agora é bastante normal mais non era tanto hai oito anos, un mes antes da nosa fomos a outra voda onde tivemos que pasar por oito-, negámonos a cortar a tarta coa espada toledana que nos querían ofrecer, non bailamos o valse (sempre me lembro do pelacho cando estaba en Educación Infantil e lle preguntabamos cada día o que fixera no cole e sempre contestaba en primeiro lugar: ¡no canté! e logo unha chea de cousas que si fixera) nin houbo ningunha outra música porque lles prohibimos aos do restaurante expresamente que nos atronasen a cabeza. Sentaramos sobre as dúas e ninguén se moveu da cadeira até pasadas as nove da noite. Disque a xente o pasou moi ben.
Un par de días despois marchamos para Túnez a descansar e contra todo prognóstico fixemos amigos do país, xantamos na súa casa e voltamos con bágoas nos ollos e unha luz única gravada na memoria para sempre.
Á volta fomos ao canil e atopamos a nosa Ruca -rucas é como chaman as rapazas no México, aínda que unha ruquilla tamén pode se unha vella-, unha cadeliña fea e miúda con todo o medo do mundo sobre a súa pel toda queimada. Traía tose de canil, que lla acabou pasando a base de codeína e uns pesadelos que lle facían poñer os ollos en branco e retorcerse como a nena d'O Exorcista. A base de comer ben e recibir unha manchea de coidados e cariños a cadela esquelética converteuse nun shi-tzu maxestoso. Agora é máis ruquilla que ruca pero hai moitos anos que xa non ten pesadelos, iso si, ás veces resoa tanto que hai que mandala calar para podermos durmir.
De alí a un par de meses e tirando do fío da voda, decatámonos de que era o momento ideal para termos fillos: non tiñamos traballo ou só a medias noentanto tiñamos moito, moito tempo e iso era o máis importante. O pelacho naceu en setembro do ano seguinte mais iso xa é outra historia.
chuzame - Gavilán o paloma
Sábado, Novembro 10th, 2007-¿Por qué se llama quebrantahuesos a los quebrantahuesos?
- Mmmm, xa o miraremos ao que cheguemos a casa pero teño idea de que usan pedras para abrir ovos e comelos. A verdade é que non me lembro ben.
-Y entonces las águilas seguro que todavía usan piedras más grandes.
-Non creo que as aguias coman ovos, son aves rapaces, cazan animais para comelos.
-¿DE VERDAD SON TODAS RAPACES? ¿NO HAY NINGUNA FEMIA?????
chuzame - Saltar con rede… na Rede
Mércores, Novembro 7th, 2007Hoxe comezaron as I Xornadas Virtuais de Literatura que montamos para a AELG, dirixidas ao profesorado da Primaria e a Secundaria e dedicadas nesta ocasión ás figuras de Xosé Mª Álvarez Blázquez e Agustín Fernández Paz. Foi unha alegría contar entre os participantes do primeiro día cun amigo e fabuloso orador (e blogueiro, e inconábeis veces laureado e tantas outras cousas) e un gran pracer coñecer un crítico de prestixio, que coñece a obra de Fernández Paz coma ninguén.
Foi a primeira transmisión en directo a través da Rede para a nosa nova empresa e, agás algún problema de largo de banda das conexións de algún dos participantes, todo saiu rodado. Nos próximos días subiremos os vídeos dos relatorios e os coloquios posteriores para que poidan ser revisados e distribuídos polos espectadores. Invádenos unha certa vertixe ao pensarmos que as intervencións de Docampo e Nicolás, así como as do propio Agustín e as de Mercedes Queixas, Víctor F. Freixanes, Goretoxo, Pepe Cáccamo e M. Pawley, que terán lugar no CMG da Coruña nos oróximos mércores deste mes, poderán ser seguidas e posteriormente vistas por veces ilimitadas por persoas situadas nos puntos máis afastados do mundo. Quen nos ía dicir hai moi poucos anos que isto sería posíbel e, aínda máis, que estaría ao alcance de calquera cuns recursos que hoxe podemos considerar case domésticos! Ademais, os profes participantes inauguran unha plataforma que lles permitirá partillar recursos e ofrecerse axuda mutua de modo permanente.
Para nós hoxe foi un gran día que eu precisaba compartir. Boa noite, mundo!
chuzame - « Previous Entries Next Entries »







