E dixo o pelacho: -Tengo tanta hambre… que me comería un bicho. -Unha vacaloura, por exemplo? -¡¡¡¡Nooooo!!!! Mejor uno que no tenga patas, ni ojos. -Ah, entón un verme! -¡¡¡¡Nooooooooooo!!!! ¡¡¡Mejor prefiero la vacaloura!!!

papá

« Previous Entries

A permanencia da estela

Mércores, Abril 9th, 2008

O papá sacou a pelacha da ducha envolta nunha toalla moi vella porque todas as demais estaban para secar. A pelacha estrañouse moitísimo, tan como é, de verse cuberta por tal cerello:

-¿De quién es esta toalla!

-De San Pedro!

Díxolle o papá, que non a daba axeitado para secala e vestila.

-¿Es la toalla de Juan Perro?

Preguntou ela aínda máis estrañada.

Chuzame! chuzame -

BERRAR e FALAR ALTO

Martes, Xaneiro 8th, 2008

Ás sete da tarde tiñamos unha reunión de traballo na Rede que duraría 30' entón fixemos un pacto cos pelachos, que xogarían coas novidades que os Reis deixaran para eles (éxitos e fracasos de que espero falar nos próximos días) onte e que non berrarían nin rifarían mentres durase a reunión.
Non nos deramos nin conta de que o pelacho andaba a berros cos Power Rangers Ninja Mystic Storm, ou algo así, que son un prodixio de enxeñaría, dito sexa de paso. De feito o pacto incluía os berros só para que non discutisen nin se amolasen mutuamente como fan ás veces, especialmente cando andamos acupados noutras cousas. Pois foi entón cando sentimos a pelacha polo corredor a berrido limpo:
-¡¡¡MAMÁ, PAPÁ, PELACHO GRITÓ!!!!
E deulle tempo a repetir o alarido unhas cantas veces até que chegou a nós.
-Pelacha, así que vés acusar o pelacho pero ti vés berrando tamén.
-NO, YO NO. YO SÓLO ESTOY HABLANDO ALTO. ¿NO VAIS A CASTIGAR AL PELACHO POR GRITAR?
-Pois non, ímoste castigar a ti por chiveta. Hala, de primeira á ducha!
-NOOOOOOOOOOOOOOOOOOO!!!!
E foi!

Chuzame! chuzame -

2008

Martes, Xaneiro 1st, 2008
peixe do pelachoXa está aquí. Os plans eran pasarmos a derradeira noite do ano en casa dos avós mais o pelacho amañeceu coa varicela onte, coas lavercas como dicía a tataravoa, na casa da tía T. visitou a febre ao tío D. ao primo J. e á prima P., así que finalmente nós ceamos na nosa casa e os tíos na súa cos avós, que viven ao carón.
Malia non ser o planeado pasámolo realmente ben. Xogamos un Monopoli e unhas partidas ás cartas dos peixes para facermos tempo até a cea e tomamos as uvas os catro xuntos. O pelacho, como o ano pasado, comeunas todas en tempo. A pelacha dixo que non as quería pero axudou a sacar as pebides das do pelacho. Cando entramos no novo ano abrazámonos todos e enchémonos de beixos. Hoxe comeza un novo ano, dixemos eufóricos, e a pelacha preguntou: -Para mí también? Entonces eso quiere decir que estoy de cumpleaños?
Hoxe erguémonos todos arredor das doce. En canto estiveron listos o papá e a pelacha marcharon á aldea, como facemos todos os anos, a xantar coa bisavoa Obdulia, os tíos Jesús e Eva e os avós da Coruña. O pelacho e mais eu ficamos este ano na casa. Voltaremos todos nun par de semanas.
Está a ser este un Nadal un bocado atípico. Por unha banda estamos cargadísimos de traballo, que semella que non nos vai deixar tempo para nada máis, e por outra teño a sensación de que estamos a desfrutalo a tope e a facermos moitas cousas.
O outro día pasamos a mañá na piscina. A pelacha non lembraba como era e preguntou un cento de veces pola area do fondo. Ao final ficoulle claro que nas piscinas non hai area, que iso é cousa da praia. A ver se imos un día destes catar a pista de xeo tamén.

A avoa C. sempre ten un ovo Kinder para os netos. O pasado día dos Inocentes descubriron unha sorpresa diferente das habituais: uns atoparon olivas e outros allos nos seus ovos, coreados entanto os abrían con sonoros INOCENTE, INOCENTE! por parte dos adultos. O pelacho ficou fascinado e divertido e, para satisfacer a súa curiosidade preguntou: -Pero abuela, ¿Cómo has conseguido recrear el huevo?

Chuzame! chuzame -

Pequenas batallas

Venres, Novembro 30th, 2007

A pelacha aínda non acabara de ceibar os últimos mocos cando apareceron uns novos con reforzadas enerxías. A noite presentábase complicada e o papá propuxo darlle uns xiringazos de soro no nariz para escorrentalos.

-Lembras? como aquel outro día que o fixeches tan ben. E non che doeu nada.

Mais aínda que tiña vontade de se librar deles non foi quen de superar o arrepío que sentiu ao ver a xiringa preto da súa face. Decidiron deixalo para outra ocasión e arranxar minimamente sonando forte e levantando un bocado o colchón á altura da cabeza. A pelacha ficou intrigada pola súa propia retirada e preguntou:

-¿Y por qué el otro día lo hice?

Cando xa atopara acougo no sono e quen sabe se tamén nos soños chegabamos a unha conclusión: aquel día arriscouse a unha aventura e saiu ben. Logo o tempo pasa, a memoria constrúe o pasado e a lembranza levanta un muro coa escusa da salvagarda.

De cativa tiña moito medo das inxeccións que sempre me acababan receitando cando tiña anxinas. José pinchaba os cus de toda a vila e sempre chegaba á mesma hora, que para min era exactamente a culminación de medio día de desacougo. Cada chamada á porta causábame un arrepío nesa parte do estómago de que só era consciente nos días de antibióticos intramusculares. Ah, e tamén cando meus pais me dicían iso de "xa falaremos na casa" por ter feito algunha falcatruada amparada nun ambiente pouco dado á recriminación pública. Sempre cabía a posibilidade de que o practicante estivese doente ese día e non poidese vir, ou que se esquecese de min por unha vez, mais nunca, nunca faltaba ás citas.

Entraba pola porta da casa e pasaba directamente á cociña, onde fervía o seu instrumental con toda a parsimonia de que era capaz, para alongar os minutos de conversa con meus pais. Lembro que sempre os informaba de se a medicina prescrita era das boas ou das que se me presentaban terríbeis porque "cristalizaban" e aseguraban á paciente dores musculares que invadían a perna torturada. Eses minutos eran eternos, non só o parecían.

José sempre entraba no cuarto anunciando o momento en que calquera tentativa de fuga ficaba desarticulada. Sen dar comprendido como non era quen de me rebelar pola forza, baixaba o pantalón do pixama e ofrecíame en sacrifício ao que eu xulgaba naquela altura un instinto sádico, pois nunca paraba de rir escandalosamente, desde que chegaba até que se despedía até o día seguinte, cando o vía achegarse a min co algodón nunha man e a xiringa de vidro na outra, deixando saír as pingas superfluas daquela pezoña que me viña inocular. É curioso, durante boa parte da miña infancia non fun quen de durmir de costas para a porta, porque imaxinaba que se alguén chegase a irromper na casa coa cabal intención de poñerme unha pincha a medianoite, polo menos podería verlle a cara e tentar defenderme como fose, aí non estaba obrigada a claudicar.

Ao final nunca chegaba o sangue ao río e, unha vez que José marchaba arrastrando as zapatillas polo corredor, resolvía que o meu temor fora desproporcionado e que así o lembraría para o día seguinte, mais a súa próxima visita sempre me abocaba á mesma reacción de pánico.

Paul Auster dixo nunha entrevista que cada vez que lembramos algo, facémolo como a última vez que ese algo veu á nosa mente, de forma que unha mesma lembranza vai mudando continuamente.

Chuzame! chuzame -

Babel, babel!

Venres, Novembro 23rd, 2007

O papá sae coa pelacha da ducha, e mentres a leva cara ao cuarto envolta na toalla vaille dicindo:

-A menina é brasileira?

A pelacha sorrí.

-A menina é portuguesa?

A pelacha sorrí.

-Nooon, a menina é galega!

A pelacha sorrí e di:

-Hello!

(Están ambos a se libraren dese virus de gastroenterite que tantas pequenas desfeitas anda a facer. O pelacho, que devece pola comida, ao non poderlle botar o dente ás almóndegas da avoa C., acabou por berrar : -¡ODIO ESTA ENFERMEDAD!)

Chuzame! chuzame -
« Previous Entries

PELACHO 04-08

PELACHA 07-08




  • O que ando a ler

    Planned books:

    Current books:

    • Mil mesetas

      Mil mesetas by Gilles Deleuze e Felix Guattari

    • Book of Longing

      Book of Longing by Leonard Cohen

    • Historia de la fealdad

      Historia de la fealdad by Umberto Eco

    • Historia de la locura

      Historia de la locura by M. Foucault

    • Cuentos Completos

      Cuentos Completos by Truman Capote

    Recent books:

    View full Library

  • Arquivos

  • Semente

    • Any Feed Reader