O pelacho naceu en 2000, a pelacha en 2004, o primo J. en 2002, a prima P. en 2004 e o primo Jj. en 2007.

« | Home | »

112794593937998712

By Tati Mancebo | Setembro 28, 2005

Creo que estou a apañar un catarro. Hoxe deiteime con papá a iso das 10 (érguese ás 5:00) pero volvín levantarme porque teño que escribir o meu cv. O anterior tireino hai cousa de un ano con todos os disquetes que conservaba e que xa non tiña onde meter. Desde un centro de linguas recentemente creado ao amparo da universidade ofértase a docencia de multitude de cursos de linguas diversas. Estou a espirrar seguido. Piden experiencia neste tipo de cursos e eu téñoa, mais o novo director do novo centro é un antigo profesor meu e de papá é tamén quen vetou o ex-proxecto da ex-tese de doutoramento de papá, persoa que deixei de saudar hai xa moitos anos… así que non creo poder ter moitas posibilidades, a pesar da miña experiencia.
Hoxe o pelacho quixo xogar a algún xogo da web de Jetix. Cada vez se manexa mellor co ordenador e polas diferentes páxinas que visita. Ademais hoxe rexistrouse el en Jetix, porque xa sabe escribir o seu nome no teclado. Non dedicamos moito tempo ao ordenador porque tampouco temos moito tempo que poder dedicar a unha cousa soa mais hai unhas semanas comezamos un caderno de animais raros: O pelacho escribiu en cada páxina do caderno unha letra do alfabeto (copiábaas das que ía facendo eu). Logo escollemos un animal raro: o pelacho optou por comezar polo lirón, e fomos procurar imaxes de liróns no Google e imprimimos uns cantos, que logo o pelacho recortou e pegou na letra L. O segundo animal foi o lemur (nunca me lembro se é lemur ou lémur) e o terceiro a píntega, que colocou no S de salamandra.
A pelacha está comezando a protestar porque vai para cama antes que o pelacho. Antes valíalle perfectamente iso de tomar o bibe e empiltrar mais agora, en canto o remata, xa comeza a escorregar do colo, e a pedir os zapatos se non os leva postos porque xa está co pixama. Ai, que nena esta. Con quince meses e que claras ten xa unhas cantas cousas.
Un día, haberá cousas dun ano, pensei: imposível que non existan máis altenativas que os tampóns e as compresas, aínda que non estean comercializadas por multinacionais. Entón introducín no Google (non pretendo facerlle publicidade aínda que hoxe o pareza mais é posível e mesmo probável que en 10 anos case ninguén se lembre del, e así lembrarei o nome) algo así como “alternativa a las compresas”, ou algo similar cos tampóns e, para a miña sorpresa, apareceu un dispositivo chamado Mooncup (agora isto semella a teletenda, que cun pouco de sorte tampouco existirá en 10 anos), que é unha especie de copa de silicona, totalmente flexível e esterilizável, que se aloxa facilmente (segundo din) na vaxina e recolle sen perdas todo o fluxo. Pois acabo de pedilo para probalo, a ver se é verdade. Desde logo, se funciona é a bomba para alguén que sistematicamente se esquece de coller tampóns de reposto e que nunca apunta que día lle veu ou lle toca a regra, isto é, para min. Por certo, o outro día escoitei un programa na radio (No somos nadie, con Pablo Motos, a ver onde está en dez anos:) onde enumeraban as múltiples e en maior ou menor medida afortunadas maneiras coloquiais de referirse á regra: desde moitas que xa sabía como véñenme os pintores ou a prima comunista a algunha que me pareceu especialmente simpática como “se me ha roto el chichi”.
Total, CV sen facer. A ver se mañá. Así xa me queda para outras cousas, que me pega que o vou precisar xa logo…

Topics: Sen clasificar | Comentarios desactivados en 112794593937998712

Comments are closed.

PELACHO 04-08

PELACHA 07-08

  • Histórico