O pelacho naceu en 2000, a pelacha en 2004, o primo J. en 2002, a prima P. en 2004 e o primo Jj. en 2007.

« | Home | »

Canto custan oito fotos tamaño carné?

By Tati Mancebo | Xuño 27, 2006

Ás veces os trámites saen tortos e non hai modo de os endereitar. Cando saímos da casa sobre as seis para facer unhas simples fotos para a mtrícula do pelacho no novo colexio, pensamos que aínda ficaría tempo para patinar, para pasar pola AZ do Suso e facernos cun suculento boliño para a merenda do pelacho, quen gosta de cando en vez de merendar fóra.

Como as tendas de fotografía que eu coñecía tiñan pechado ultimamente, non nos quedou outra que entrar no English Cut e preguntar. O departamento de fotografía de estudio non existía e mandáronnos ao segundo soto, onde atopariamos un fotomatón. Ao chegarmos abaixo tras unha longa espera polo ascensor decateime de que tiña deixado os cartos no peto do pantalón de onte, mais non era un gran problema porque lembraba que nese mesmo andar había dous caixeiros. Un deles serviría porque non era da mesma caixa que a miña conta mais si da mesma rede. A primeira sorpresa foi a comisión de 3,01 € que me anunciaron que me cobrarían mais ante a posibilidade de emprender a peregrinaxe de volta co pelacho a camiñar e a pelacha na súa cadeira e o tempo que nos levaría, calculei que sería quen de dalos por ben gastos.

Tirei 20 € para unha máquina que non aceptaba billetes e dirixímonos á caixa para trocar. Despois de 15′ de espera conseguimos dúas moedas de 2 €, dúas de 50 c. un billete de 5 € e outro de 10′.

O tallo da cabina estaba pasado de rosca e ao pelacho non lle saían nin os pelos na foto. Sentei eu no tallo co pelacho no colo levantándoo a pulso, co conseguinte tremer de brazos e tratando de agacharme detrás del, baixando a cabeza canto daba. Deixamos a pelacha fóra mais  a golpe de cadeiras  foi arrimando o seu carro até a entrada e abriu a cortina xusto no momento dos disparos. A cor estaría arruinada…

Non podiamos parar de rir cando saíron as fotos aos poucos segundos. O meu cabelo rizo sobresaía por ambos os lados da cabeza do pelacho, que saiu movido pola inseguranza do meu pulso levantando vinte quilos en seco durante máis segundos dos que podía, e converténdoo de súpeto nun curioso exemplar de cachorro humano con profusa coleta esgallada, que sería propia dun fillo do cantante dos Mojinos Escozíos.

Efectivamente as fotos non valían, e o pelacho aínda preguntaba por que!

Voltamos á cola da caixa pois xa non tiñamos trocos para a máquina outros 15′ e voltamos ao fotomatón. Esta vez deixamos a pelacha máis lonxe, calculando que non lle dese tempo a chegar até nós antes de que se fixesen as fotos. O pelacho púxose de pé, medio anicado sobre o tallo en equilibrio moi inestábel porque non daba parado de rir. Tiven que sostelo por un brazo mentres a pelacha, teimuda, se aproximaba a nós.

Como non, o meu brazo saiu tamén nas fotos mais consideramos que estarían ben de máis logo duns pequenos retoques de tesouras.

Topics: Pelachos | Comentarios desactivados en Canto custan oito fotos tamaño carné?

Comments are closed.

PELACHO 04-08

PELACHA 07-08

  • Histórico