O pelacho naceu en 2000, a pelacha en 2004, o primo J. en 2002, a prima P. en 2004 e o primo Jj. en 2007.

« | Home | »

112906540491104787

By Tati Mancebo | Outubro 9, 2005

Máis unha semana. Desde que comezou o curso o pelacho dinos todos os día que se está a portar moi ben, que Balbina non o castiga nada e que fai as fichas con coidado e sen andar ás carreiras. Oxalá sexa así. A verdade é que aínda falta a primeira mañá que non queira ir ao cole ou que pregunte por que ten que ir, como facía sistematicamente o curso pasado, sobre todo cara ao final, todo hai que dicilo. Esta fin de semana fixemos moitas cousas: construímos unha máscara, partidiña de PS2, peli de Lilo & Stitch, galletas de mel e hoxe patinou por primeira vez. Hai polo menos dez meses que mercaramos uns patíns, mais tras a primeira desilusión ao comprobar que non bastaba calzalos nos pés, senón que era preciso aprender, non os quixo volver baixar máis. Hoxe estaba na pista unha nena chamada Alba, de cinco anos e medio, que patinaba sen parar. O Pelacho preguntoulle canto tempo levaba practicando e ela díxolle que era o seu segundo día. As expectativas dun proceso de aprendizaxe breve foron máis que suficientes para que lle apetecese experimentar de novo. Marchei a casa a trocar o patinete polos patíns e comezou o espectáculo: caeu máis de vinte veces. As primeiras non foi quen de levantarse sen axuda mais logo aprendeu. Alba empeñábase en darlle os valiosos consellos que tan ben lle serviran a ela para manter o equilibrio mais o pelacho non quería axuda de ninguén. Seguiu caendo e caendo e levantándose e levantándose polo espazo dun par de horas; durante este tempo repetía unha e outra vez que xa sabía patinar, o que era motivo de hilaridade entre todos os cativos e adultos alí presentes. Mais cando xa voltabamos para casa dixo: -bien. Ya casi sé patinar. Animámolo dicíndolle que o próximo día notaría os progresos e que as caídas constantes ficarían atrás en moi pouco tempo.
Agora o pelacho está a durmir e rebole a cada tanto. É mo ihabitual que lle aconteza isto nos días de moitas emocións e hoxe ben certo foi un destes.
Mentres andabamos pola praza fixo, eu diría, quilómetros. Cada día camiña máis segura e afástase un bocadiño máis de nós. Xa sabe dicir non e é moi engrazado preguntarlle se quere facer cousas de que non gosta porque, lonxe de montar unha perrencha, di non con suavidade e nega poderosamente coa cabeza. Cando está de pé, sen apoio, semella a piques de caer, pola rotundidade que imprime ao movemento da súa cabeciña.
Hoxe pola mañá estaba o pelacho a ver debuxos animados e, na pausa dos anuncios, a pelacha comezou a sinalar a tele case con saloucos nos anuncios de Barbies, princesas Disney e outros xoguetes semellantes. Era como se me dixese: -estas, son estas, as cousas de que eu gosto. O que nos espera! moito me dá que en nada vai querer comezar a poñer todos os lazos, puntillas e demais ornamentos que nós non lle puxemos nos seus dezaseis meses de vida e, se cadra, aí polos cinco anos hanos pedir que a levemos furar as orellas para poder levar pendentes. Tempo ao tempo.

Topics: Sen clasificar | Comentarios desactivados en 112906540491104787

Comments are closed.

PELACHO 04-08

PELACHA 07-08

  • Histórico