O pelacho naceu en 2000, a pelacha en 2004, o primo J. en 2002, a prima P. en 2004 e o primo Jj. en 2007.

« | Home | »

De auster aos contos, dos contos aos soños e dos soños á vida

By Tati Mancebo | Outubro 22, 2006

bruegel-big-fish.jpg“Os contos de fadas adoitan ser crueis e violentos, describen decapitacións, canibalismo, transformacións grotescas e encantamentos maléficos. Calquera pensaría que eses elementos encherían de espanto a un crío; pero o que o neno experimenta a través deses contos é precisamente un encontro fortuíto cos seus propios medos e angustias interiores, nun contorno en que está perfectamente a salvo e protexido. Tal é a maxia dos relatos: poden transportarnos ás profundidades do inferno, pero en realidade son inofensivos.”

Estas palabras pertencen ao discurso de Paul Auster na entrega dos Premios Príncipe de Asturias e coinciden exactamente co que intúo que os soños son.

Hai uns días preguntábame un amigo cal era para min a orixe deses medos infantís máis inexplicábeis. Eu respondía que hai tempo que penso que se encontra lonxe do ventre materno e das primeiras experiencias dos neonatos. Polo que case creo lembrar a orixe dos medos está en certos soños, que nos asaltan por sorpresa desde os primeiros momentos das nosas vidas. A través dos soños, mais nun contexto que no fondo sabemos seguro, experimentamos o que son o pánico, a inseguranza, a impotencia ou a dor estrema e aprendemos a afiar as armas que haberemos de esgrimir ante o perigo real. Unha sorte de treinamento para a vida, un simulador de situacións críticas polo que paradoxalmente pasamos nos momentos de descanso.

Entre os soños máis intensos que son quen de lembrar conservo as experiencias de ser disparada por unha arma de fogo, de flotar lixeiramente sobre o chan e dirixir o meu corpo co pensamento, de participar nun thriller real dentro da fantasía, de planear por amplas paisaxes, de ser picada por mil serpentes e de ser aceptada con gran emoción como discípula dun gran mestre. As máis das veces non consigo reconstruír as historias e só fico con sensacións que, en épocas de grandes mudanzas, atribúo á limpeza necesaria que non dou concluído nas horas de vixilia.

Parece ser que entre os dous e os catro anos de idade os pesadelos teñen unha incidencia moi alta no sono dos cativos. O pelacho arrincaba a berrar moitas noites nesa época; choraba desconsolado como se estivese roto pola dor e só o paso dos minutos o consolaba. Á mañá seguinte sempre contaba que un gran monstro o atacara ou no mellor dos casos pretendera facelo sen éxito.

Dun tempo a esta parte a pelacha tamén se bota a chorar pola noite cando ten un “soño grande”, como ela os chama. A de tempo que nos levou decatarnos que esas “rayas” terríbeis de que sempre falaba non eran outras que os fíos da luz da rúa que atravesan os pequenos buraquiños dunha persiana mal cerrada!

Topics: Pelachos | Comentarios desactivados en De auster aos contos, dos contos aos soños e dos soños á vida

Comments are closed.

PELACHO 04-08

PELACHA 07-08

  • Histórico