O pelacho naceu en 2000, a pelacha en 2004, o primo J. en 2002, a prima P. en 2004 e o primo Jj. en 2007.

« | Home | »

Segundo dente

By Tati Mancebo | Febreiro 19, 2007

Caeulle o segundo dente ao pelacho. Eu cría lembrar que o rato Pérez só te visitaba cando che caía o primeiro dente mais parece que os tempos fixeron mudar tamén iso e agora é con todos (xa conviñemos que as moas non estaban incluídas).

Quen sabe en que momento da tarde perdín ou tirei ao lixo, non lembro, a servilleta que contiña o dente e houbemos deixar unha carta para o señor Pérez onde eu me botaba toda a culpa e lle pediamos que non llo tivese en conta. Todo parecía ir ben esta vez mais esquecemos o asunto até que o pelacho acordou pola mañá, e o primeiro que fixo foi mirar a ver que había debaixo da almofada. E só estaba a carta que escribiramos a noite anterior.

A experiencia, para o meu fastidio, doutras situacións similares anteriores, deume pé para actuar con celeridade ante a súa expresión de chasco:

-Sabes o que pasa? Que o Rato Pérez me deixou unha carta no cuarto botándome unha bronca por ter perdido o dente e na carta tamén dicía que o presente que te deixaba era un bocado grande para ficar debaixo da almofada e que por iso o deixaba no noso cuarto.

Entón ilumináronselle de novo os ollos e así o deixei mentres ía correndo ao cuarto na procura duna imprentiña que me trouxeran os reis moitos anos atrás. Polo camiño fun desfacendo os carimbos co meu nome que aínda conservaba montados e todo encaixou. Mais igual que acontece coa existencia dos Reis Magos, sempre me parece albiscar unha sombra de paripé na súa expresión.

Era hora de se vestir e día de cole. Cando voltamos á casa pola tarde e comezou a fedellar co novo artiluxio dixen eu, como a pensar en voz alta e sen mirar moito para o pelacho:

-E como será que entra o Rato Pérez na casa?

O pelacho fixo o que semellaba imposíbel, apartar a mirada da imprentiña, e dixo para min con certo ar que me resulta difícil describir:

-¡¡Eso es lo que yo me pregunto!!

(Ao día seguinte lembroume el o asunto para comentarme a graza que lle fixera que o Rato me tivese botado unha tremenda bronca. Desafortunadamente a carta desaparecera polo mesmo camiño por onde viñera e non tivo ocasión de a ler o pelacho.)

Topics: pelacho, Pelachos | 4 Comments »

4 Responses to “Segundo dente”

  1. X Says:
    Febreiro 19th, 2007 at 10:14 a.m.

    O truco final ao seu lado é cousa de afeccioandos 😀

  2. ghanito Says:
    Febreiro 19th, 2007 at 4:27 p.m.

    Chámalle parvo ó Pelacho 😛

  3. Leco Says:
    Febreiro 19th, 2007 at 5:37 p.m.

    😀

  4. paideleo Says:
    Febreiro 19th, 2007 at 10:19 p.m.

    Terei que ir aprendendo para lidar co Leo.
    En canto a disfraces creo que este ano non vai ser.
    Un saudo.

PELACHO 04-08

PELACHA 07-08

  • Histórico