O pelacho naceu en 2000, a pelacha en 2004, o primo J. en 2002, a prima P. en 2004 e o primo Jj. en 2007.

« | Home | »

Por fin casa nova!

By Tati Mancebo | Abril 27, 2008

Por fin! Aínda non é a definitiva, senón un piso a estrear que nos prestou a miña madriña e que está a 5 m. do noso. A min case me parecía recochineo ver a obra inconclusa da nosa nova morada desde a xanela da sala pero o papá opina que así podemos controlar calquera pequena mudanza do Escorial. Viñemos o sábado pasado con parte do que tiñamos na casa vella (á que a pelacha pregunta se podemos ir algún día de visita) e unhas cantas cousas que nos pasaron amabelmente Toño e Vicki e xa está! Erguémonos unha hora máis tarde que antes e non temos que coller o carro para ir ao cole porque está a dous minutos a pé. Todo está novo, non hai ruído, temos calefacción e no parque do paseo fluvial os pelachos atopan pola tarde os seus amigos da escola. Que máis se pode pedir? O papá non para de repetir que o ar cheira moito mellor e, aínda que el madruga un bocado máis, di que non lle importa nada.

Os palachos están felices con todas as novidades, mesmo a de compartir cuarto, tanto que o outro día lle dicía o pelacho á pelacha:

-Te das cuenta, pelacha, de que nunca nos hemos llevado tan bien?

Seguimos a tope de traballo pero ímolo levando con bo humor e, sobre todo, desfrutando moito coa cultura e a tecnoloxía. Pensabamos que era unha boa idea mais non sabiamos até que punto. As humanidades teñen máis futuro que nunca. Disto falarei o mercores na conferencia que teño que dar na universidade.

Despois de catear tres na pasada avaliación (case lle rogamos á súa titora que o fixese para ter unha arma para facerlle ver que non podía seguir facendo o que lle daba a gana todo o tempo no cole. Cada vez que a profe mandaba facer algunha ectividade o pelacho preguntaba se era voluntaria, deixou os exames en branco porque total a profesora xa sabía que el o sabía, así que, para que perder o tempo. Levantábase seguido e distraía os compañeiros… Pois xa está encarrilado de novo e traballando duro para non pasar o verán facendo o que non fixo no inverno, que foi a nosa ameaza.

A pelacha é nisto o estremo oposto, a súa titora di que non lle importa poñer ao seu lado os máis revoltudos porque, como estea facendo algo, xa pode chover de abaixo a arriba, que non atende a nada até que remata. Tamén di que é moi despistada e que cando mudan rutinas sempre pasa días até que se fai ás novas mais nós pensamos que o que é é un pouco testuda e que, como goste máis do modo en que antes se facía unha cousa, vai tentar seguila facendo ao seu xeito até que comprobe que non hai hipótese.

O amigo Xavier envíame varias pelachadas que transcribo con moito gosto:

-En Roma, un que é de Ourol contoume que de paqueniño, cando subía no coche do pai ás alturas das Pontes, comezaba a ver o penacho da chaminea e mais os bafos dos módulos de esfriamento da central térmica e de aí colleu a idea que lle durou anos, ata que lla tumbou unha profe: coidaba que nas Pontes era onde se fabricaban as nuves da Coruña, onde el vivía.

  O venres santo pasado, reuníuse en Neda boa parte da miña familia. Unha cativa de cinco anos non deixaba de dar a malleira con que quería ir ás procesións de Ferrol, nas que xa estivera días antes. A mai negábase argumentando sobre o mal tempo. Daquela a pequena preguntoulle “¿E porque morreu Xesús tan rápido?”. Os adultos puxemos cara de espanto pois coñecemos a personaxiña, alcumada “o Gremlin” entre nós; e, abraiados, oímos como lle berraba á mai “¿Non recordas que naceu en Nadal, ou que?” (Ela fora a virxe no belén do seu cole). Logo das gargalladas, a miña irmá contou unha escena en que interviñeran unhas sobriñas nosas que xa son mozas. A máis vella facía deberes de colexio de monxas e perguntoulle á seguinte en idade se entendía o do Espírito Santo. Ela -aclarou- comprendía que Deus fose o pai de Xesucristo “porque era o máis vello” pero non sabía de quen viña sendo o Espírito Santo. Ante a dúbida da consultada, unha terceira irmá, a menor, deu pistas: “Pois será fillo de separados”…

-O meu fillo Iago foi ao zoo de Barcelona coa Irene. Xunto deles, avanzaba unha familia de ecuatorianos, cun pequeno que observaba caladamente; ata que chegaron a unha imitación de selva centroamericana. Alí o rapaz falou alto: “¡Miren, miren, la casa de la abuelita!”

Feliz semana!

Topics: leco, Pelachos | 2 Comments »

2 Responses to “Por fin casa nova!”

  1. peke Says:
    Abril 30th, 2008 at 11:18 a.m.

    Noraboa por esa casa nova!!!!

  2. l&m Says:
    Maio 13th, 2008 at 12:21 p.m.

    parabens ainda que com moooonnnnntesss de saudades! a nós também nom nos ha importar pegar no carro para respirar esse ar tam limpo. beijos a moreas

PELACHO 04-08

PELACHA 07-08

  • Histórico