O pelacho naceu en 2000, a pelacha en 2004, o primo J. en 2002, a prima P. en 2004 e o primo Jj. en 2007.

« | Home | »

Un home na escuridade, de Paul Auster

By Tati Mancebo | Setembro 15, 2008

(Anotación para olevantadordeminas)

Un home na escuridade é unha obra de madurez, que só pode escribir un novelista que xa teña construído outras magníficas historias antes. Como é característico en Auster, a narración fascina por unha sublime sinxeleza, sustentada na escolla minuciosa das palabras e súa distribución no papel. A profunda reflexión sobre o ben e o mal, sobre a propia condición do xénero humano emana a cada momento da pel dos personaxes, todos protagonistas. Ao mesmo tempo é tremendamente interesante e lúcida a teorización sobre o xénero literario: a acción, a caracterización dos personaxes e a vocación literaria son habilmente escrutinadas sen necesidade dunha soa fórmula. Até o cantil dos puntos sen retorno, que transforman unha suculenta idea argumental nun zorollo inservíbel. Paul Auster, alén de demostrar que un camiño sen saída non é motivo suficiente para abandonar unha idea, permítese andalo até o final a aínda abrir a porta que atopa pintada nun muro. Quen senón el poderá convencernos, cun pase de mans, de que un fío solto volve unirse ao novelo a que pertenceu, por mor dun milagre?

Talvez non sexa este o libro de que máis goste o lector que non coñeza as súas obras anteriores, mais para os que o seguimos con devoción, Un home na escuridade é un xeneroso presente que, ademais de manternos en vilo durante tres ou catro horas, nos descobre moitos misterios do resto das súas novelas e da esencia dese personaxe chamado Paul Auster, escritor. Canto á tradución para galego, nada podo dicir. Tras agardar toda unha semana pola edición galega, a tentación puido coa vontade e merqueino en Anagrama.

Topics: Pelachos | Comentarios desactivados en Un home na escuridade, de Paul Auster

Comments are closed.

PELACHO 04-08

PELACHA 07-08

  • Histórico