O pelacho naceu en 2000, a pelacha en 2004, o primo J. en 2002, a prima P. en 2004 e o primo Jj. en 2007.

« | Home | »

114099404401827007

By Tati Mancebo | Febreiro 26, 2006

-Ola.
-Isto vai moi atrasado hoxe.
-Para canto podo ter?
-Olla para aquí.
O aquí era unha sala duns dez metros cadrados con trece persoas a agardar a súa quenda para o xinecólogo.
-Non sei se non voltar outro día. Rosa non está?
-A ver, pasa para a outra sala; a ti, como é só para unha revisión talvez te pase rápido. Era a revisión dos corenta días?
-Noooon! dixen eu, que xa me ficaba moi lonxe o meu segundo parto, ano e medio antes. Estaba convencidísima de mudar a cita por segunda vez, polo feito de non perder un par de horas a agardar sentada. Saíra de traballar ás dúas, gastara media hora en chegar até a rúa da consulta e estacionar o carro e media hora máis en xantar, para o que escollera o restaurante chinés máis próximo, onde abondarían trinta minutos para comer tranquilamente sentada a unha mesa. Todos os meus minuciosos cálculos tíñanse cumprido e o meu reloxo interior dicíame que non podía soltar o temón do meu horario cando podía trasladar a revisión a un día en que probabelmente o meu xinecólogo non tivese de saír ás carreiras a un parto ou a outro en que non chegase tarde á consulta tras unha noite de moito traballo e pouco durmir.
Mais cando me vin sentada naquela saliña azul, á que ningunha das pacientes que agardaban en pé na sala principal accedera a moverse pensei e por que non? Realmente non me causa nin o máis mínimo trastorno agardar un par de horas. Os pelachos están cos avós, que á súa vez saben onde estou e que é sempre incerta a hora de saída desta consulta. Por que non?
Valorei entón que podía ausentarme polo tempo que me indicasen a facer recados: supermercado, parches de xeonllos para nenos destroza-chándals, curioseo variado polo centro da cidade… ou mesa de café, lectura tranquila na pda, onde sempre levo algo apetecíbel para cada momento, intentar escribir algunha cousa, o que fose… ou ficar nesta sala tan cómoda; polo menos até que lles inchasen as pernas ás pacientes de pé que non as trouxesen xa inchadas da casa e entrasen a cachón no meu refuxio. O meu refuxio! A decisión estaba tomada.
De novo asomou Hortensia á miña saliña para me preguntar se xa me atendera Rosa. Respondín negativamente mais en tales momentos iso xa non tiña a menor importancia. Estaba clarísimo que, a non ser que me excluísen da orde do día por exceso de cupo, nada me faría mudar a miña cita.
-Ola Leonor Combing!
Esa era Rosa, a que corta o bacallao na consulta dos doutores Otero.
-Como che vai?
-Ola Rosa! Moi ben. Para canto temos?
Teño que admitir que levei un bo chasco cando me dixo:
-Outra e xa vas ti
-Ah si? Dixen con sorpresa real mais tamén con decepción. Hai momentos, cando unha persoa está certa de cal vai ser a reacción dunha outra, en que tanto teñen as manifestacións das segunda. A primeira sempre tenderá a interpretalas no sentido máis convencional:
1.- Muller chega ao xinecólogo.
2.- É informada de que vai ter unha longa espera.
3.- Anúnciaselle que a espera vai ser finalmente unha mínima parte do que esperaba.
4.- SORPRESA.
Só que neste caso eu xa comezara a emborroar papel e a perspectiva de pasar as dúas horas seguintes da miña vida a escribir o que se me pasase pola cabeza tíñame absolutamente fascinada.
E agora?
Teríase referido a que había xa unha muller na consulta, outra que entraría antes de min e eu a continuación? Ou sería máis ben que a anterior a min xa estaba dentro e eu habería de entrar en poucos minutos? Que horror! Desaparecera de contado a opción café. No mellor dos casos non tería máis de vinte minutos. Podería tomar un café ao saír, xa que ía rematar tan cedo, mais xa non era a mesma cousa. É moi distinto matar un par de horas nun café que ir tomar un café antes de facer outra cousa; neste caso ir recoller os pelachos á casa dos avós e probabelmente chegar en tempo de lles dar a merenda, para a miña satisfacción e para descanso da avoa.
Café desbotado.
Non conseguía tirar da cabeza canto tempo duraría ao final a miña espera. E tanto pensar no tempo impedíame centrarme noutros asuntos e, por suposto, en escribir nada. Seguía soa na sala azul mais tanto tiña xa que entrase máis xente ou que non. Desde había uns minutos deixara de ser o meu tobo.
Que paradoxo! Desexaba tempo. Mais como non sabía canto se me concedía, devecía por esgotalo! O que no fondo me importaba era saber canto tempo tiña, aínda que non o utilizase máis que para medir canto tempo me levaba facelo pasar.
-Vamos, Leonor.

Topics: Sen clasificar | Comentarios desactivados en 114099404401827007

Comments are closed.

PELACHO 04-08

PELACHA 07-08

  • Histórico